lunes, 4 de noviembre de 2013

Prexuízos.

Espertan os nosos sentidos.
Fálannos de diversión, de bos coches, de festas e de todo o que poidamos querer.
A través de cores, sons... Os nosos sentidos son unha arma na nosa contra.
Úsanse as nosas cancións preferidas para anuncios duns mobles que non necesitamos nin queremos, pero relacionámolos con esa canción que tanto nos gusta.
Mentiras, mentiras e máis mentiras.

Onte vin unha marabillosa película (V de Vendetta) na que se dicía que un artista minte para dicir a verdade. E nunca se me ocorrería nada máis certo.

Sen embargo, a pesares de todo o coñecemento que temos, de todos os avances, de todos os logros, poder ter nas mans toda a información do mundo condensada en internet. Podemos sabelo todo, e quizais nunca fumos tan ignorantes como agora.

Sabemos o que queremos saber.

Supoño que é moito máis sinxelo espertar pensando que vivimos nun mundo cheo de cousas marabillosas, e non estou dicindo que non se poida pensar así, eu mesma o fago. Pero ó mesmo tempo hai que ser consciente do que hai e do que pode haber.

Moitos son os problemas que enchen as nosas fráxiles cabeciñas practicamente a todas horas, a nosa perspectiva cambia casi diariamente, a miña varía según os segundos que lle dou voltas a unha idea. Sempre se aprende, sempre se crece, sempre se madura.

Quedarse atrás, deixar de contemplar a nosa suposta realidade, fai que sexamos máis débiles ante a dor. A dor alcanzaranos un día ou outro, hai que telo presente, vivir implica sentir, e dentro de todos os sentimentos está a dor, guste ou non guste.

Polo tanto, é case imposible que non nos creamos algunhas mentiras de vez en cando, só para sobrevivir, para... manter ese pequeno mundo que nos formamos. Ese pequeno mundo é unha burbulla, débil, fráxil: déixanos ver o que hai ó noso arredor pero non por completo. Ás veces preocúpame confundir a realidade co interior da burbulla. Porque nunca se pode saber qué está dentro e que fóra.

Quizais non hai nada fóra.

Quizais non hai nada dentro.

Quizais non hai nada.

Dramatizacións. Todo é tan posible como imposible, poñerse no peor é ser pesimista, ou realista, como queira chamarse.

Preguntas, preguntas e máis preguntas. Moi poucas respostas... pero ó mellor é porque non buscamos suficiente, ó mellor é que non hai unha soa resposta.

Sabémolo todo, e non sabemos nada.

A soberbia e o egocentrismo céganos constantemente, pero non podemos permitir que isto siga ocorrendo. Esta non é máis que outra perspectiva, a miña sen ir máis lonxe, unha opinión, como calquer outra.

Oxalá algún día sexamos conscientes de todas as opinións, todas as perspectivas, as posibles combinacións que hai ó noso redor. E cantas delas nos estamos perdendo por exceso de orgullo ou prexuízos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario